Introducións: A caixa de Pandora

 

 Este traballo sobre epónimos e frases feitas foi concebido sobre unha base verificable e tristemente real: a incuestionable discriminación de xénero existente na lingua común, que se pode vincular á marxinación xeral sufrida polas mulleres de todos os tempos.

   Segundo a RAG, unha lingua nai é aquela da que naceron ou se orixinaron outras linguas, mentres que, pola súa parte, a lingua materna é a primeira lingua que unha persoa aprende a falar. A nai é o principio, o fundamento. Está demostrado que o feto comeza a sentir o mundo ao ritmo do corazón da súa nai. Mentres tanto, a súa voz vaise convertendo no fío da vida: a cadencia e sonoridade da lingua nai queda así marcada para sempre no cerebro da criatura, como a melodía que envolve a letra das cancións. Dicía Margarita Schultz que “somos criaturas nacidas dunha matriz sonora”, pero esa sonoridade debe tornarse materia. Construímos o noso mundo con palabras oportunas, expresións familiares, construcións elaboradas, fermosas, perfectas. Pero esa Caixa de Pandora das palabras, un regalo dos deuses que non nace con nós, só transcende liberadora, cando é revelada por todas as mulleres que nos introducen á vida a través da linguaxe.

   Porén, paradoxicamente, se o pensamento vén sendo influenciado desde sempre pola linguaxe e viceversa, queda claro que en todos os aspectos da vida o predominante foi, e segue a ser, o masculino fronte ao feminino. Do mesmo xeito resulta evidente que o noso sistema de comunicación habitual non podería quedarse á marxe. A lingua é excluínte, segregadora, sobre todo á hora de nomear aos creadores e ás súas creacións, case sempre varóns e occidentais. A norma son eles e os demais meros imitadores, remedos sen imaxinación.

   Por iso, consideramos este traballo como unha homenaxe a esas mulleres que deixaron pegada na Historia e ás que non, ás que son recordadas polos seus nomes e obras e ás anónimas, aquelas nais, avoas e mestras que deixaron unha marca significativa no noso corazón.

Comentarios